Programa de consolidación e estructuración de unidades de investigación competitivas  (Grupos  de Referencia Competitiva)

 

CÓDIGO: ED431C 2021/44

PRESUPOSTO: 280.000 €

PERIODO: 01/01/2021 – 20/11/2024

 

 

RESUMO

Lineas Principais de investigación

A liña xeral do grupo de investigación EPHYSLAB é Física da Terra, con 5 subliñas:

  • Clima e Cambio Climático
  • Precipitación: Inundacións e Secas
  • Clima e Saúde 
  • Enerxías Renovables
  • Protección Costeira 

O estudo do Clima e o Cambio Climático en todas as súas vertentes son o principal fío condutor da investigación do grupo. Dentro desta liña analízanse valores pasados, presentes e futuros de diferentes variables como a chuvia, o vento, a temperatura do aire e do mar, ou radiación solar entre outras, así como impacto do cambio climático nos ecosistemas.

A liña Precipitacións: Inundacións e Secas ten unha dobre vertente. Por unha banda, aborda a identificación de índices que permiten caracterizar as secas e, doutra banda, desenvolve sistemas de alerta temperá fronte a eventos de precipitación extrema que leven a inundacións.

A liña Clima e Saúde aborda os efectos do clima na saúde dos seres humanos, con especial fincapé no efecto das ondas de calor e das secas na mortalidade.

Dentro da liña de Enerxías Renovables analízase o recurso enerxético eólico, solar e das ondas. Ademais, abordase o deseño de estruturas flotantes para acadar unha maior eficiencia, aumentando tamén a súa supervivencia fronte a condicións extremas. 

A Protección Costeira céntrase no efecto das ondas mariñas sobre estruturas litorais, especialmente no deseño de medidas de protección fronte a ondas extremas.

Considerando o Plan Galicia Innova 2020, como grupo estamos integrados no Campus do Mar, como eixe vertebrador científico-tecnolóxico arredor das actividades relacionadas co contorno mariño, e no Campus da Auga, como referente no tema auga.

No eido da pesca e da acuicultura mantemos unha dobre vertente dentro do desenvolvemento de novos procesos, produtos e sistemas. Dunha banda temos analizado o impacto do clima en especies de valor comercial que son claves en Galicia (mexillóns, ameixas, ostras, ...) de cara a detectar as zonas de produción óptima cara o futuro. Doutra banda, estamos a realizar estudos sobre mellorar a supervivencia de estruturas flotantes fronte a condicións extremas, con aplicación ás bateas.

No eido ambiental, estamos a contribuír na elaboración dun mapa global de coñecemento das condicións climáticas futuras. Este mapa abrangue: 1) a temperatura do aire con especial énfase nas vagas de calor; 2) a temperatura e salinidade da auga con especial énfase no impacto nos ecosistemas, en xeral, e nas especies de valor comercial, en particular; 3) o ciclo da auga, enfocándonos especialmente na análise das condición de transporte de humidade atmosférico que xera a precipitación e que inflúe nos extremos hidrolóxicos como as secas e inundacións; 4) o recurso enerxético renovable relacionado cas ondas do mar, o vento e a radiación solar ; e 5) o efecto do clima sobre a saúde. 

O grupo leva anos traballando nas iniciativas MARRISK, orientado a asegurar un crecemento intelixente e sostible das zonas litorais de Galicia e norte de Portugal e LIFEDEMOWAVE, para demostrar a viabilidade do uso da enerxía undimotriz (ondas) na xeración eléctrica que aparecen no Plan Galicia Innova 2020.

Dentro do Horizonte Europa estamos claramente aliñados co Cluster 5 (Clima, Enerxía e Mobilidade) e co Cluster 6 (Alimentación, Bioeconomía, Recursos Naturais e Medio Ambiente), especialmente na relación entre o clima e as especies de valor comercial. De forma máis colateral tamén estamos aliñados co Cluster 1, Saúde, especialmente sobre o efecto dos eventos extremos (secas e vagas de calor) sobre a poboación máis avellentada.

Dentro da Estrategia Española de Ciencia, Tecnología e Innovación (EECTI) para o 2021-2027, a nosa investigación ten impacto no eido 5 Clima, Enerxía e Mobilidade, especialmente con primeiro sub-eido de Cambio Climático e descarbonización, tanto en enerxías renovables como no impacto dos desastres naturais. A nosa investigación tamén está claramente aliñada co eido 6 Alimentación, Bioeconomía, Recursos Naturais e Medio Ambiente, dende diferentes perspectivas coma Cambio Climático e impacto nas interaccións biosfera-atmosfera-océano, Sostenibilidade do ciclo do auga e Enerxías Mariñas. Finalmente, tamén estamos aliñados co eido Saúde, especialmente en temas relacionados coa xerociencia.

 

Grupo de investigación.

O grupo foi creado no ano 2003 e acadou a consideración de Grupo de Referencia Competitiva no ano 2006. O seu ámbito de actividade está dentro de Ciencias da Terra (atmosfera e océano). A continuación describimos a Misión, Visión e valores do grupo:

Misión: Afondar no coñecemento en Ciencias da Terra analizando o Clima, o Cambio Climático e como este afecta aos recursos hídricos, ao litoral costeiro, aos ecosistemas mariños, a saúde e ás enerxías renovables. Formar mozos científicos competitivos no campo das ciencias da Terra e da enxeñaría.

Visión: Converternos nun referente dentro do campo das Ciencias da Terra a nivel internacional.

Valores: 

  • Progreso científico- tecnolóxico.
  • Formación e mellora continua.                                      
  • Compromiso co planeta Terra.
  • Implicación ca sociedade.
  • Fomentar a equidade.

EPHYSLAB é un grupo líder a nivel estatal no campo de Ciencias da Terra, seis dos seus membros están na lista dos científicos españois máis citados nos seus respectivos ámbitos (MdC, MGG, LG, RN, ACC e JMD) e tres deles (MGG, AC, LG) aparecen na lista Standford de científicos máis citados en 2019. Asemesmo, varios dos seus membros aparecen na lista internacional de “Highly cited paper”.

O grupo desenvolveu o código DualSPHysics (http://dual.sphysics.org/) liderando un consorcio internacional (https://dual.sphysics.org/index.php/developers/). Este software, libre baixo licencia GPL, é lider a nivel mundial para o estudo de fenómenos marítimos extremos e ten sido descargado máis de 73.000 veces por usuarios tanto académicos como industriais, entre eles a NASA, McLaren, Mercedes, Shell e diversas empresas relacionados con enerxías renovables.

O grupo tamén forma parte do equipo de desenvolvemento do código Iber+ que é un modelo hidráulico que permite abordar problemas relacionados coa xestión de recursos hídricos e mais concretamente a análise e xestión de eventos de risco por inundacións.

EPHYSLAB é CUDA Research Center desde o ano 2012, que é un galardon que o principal fabricante de GPUs do mercado (Nvidia) otorga a centros líderes en computación.

O grupo é un axente activo dentro das iniciativas Campus do Mar (https://campusdomar.gal/), Campus Auga (https://www.uvigo.gal/es/campus/ourense-campus-auga) e do Centro de Investigación Mariña CIM-Uvigo (https://cim.uvigo.gal/). Ademais formamos Unidade Asociada co CSIC dende o ano 2013, en particular co Instituto Pirenaico de Ecoloxía.

O grupo ten formado novos doutores cunha grande competitividade e cun gran éxito en convocatorias competitivas para acadar posicións posdoutorais: Ramón y Cajal, Parga Pondal, Juan de la Cierva, Fundaçao para a Ciencia e a Tecnologia Portuguesa (FCT, equivalente as Ramón y Cajal), contratos posdoutorais tipo A da Xunta de Galicia. 

O grupo tamén está profundamente comprometido ca igualdade de oportunidades entre homes e mulleres cunha representante do grupo, que é enlace de igualdade na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo (http://aero.uvigo.es/es/el-centro/igualdad/) e participando e organizando durante os últimos anos actividades como EXXperimenta en Feminino.

O grupo ten un marcado carácter multidisciplinar, incluíndo principalmente licenciados e graduados en Física, Química, Ciencias Ambientais, Bioloxía, Meteoroloxía e Informática. Ademais, conta con graduados en Ciencias Empresariais e en Dereito, responsables das tarefas de xestión e tamén da conexión entre o mundo científico e a explotación de recursos. Este tipo de perfil é de especial importancia  para temas como enerxías renovables ou uso da auga, onde ademais da faceta científica a faceta xurídico- empresarial é de vital importancia.