CONVOCATORIA: Consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades públicas do Sistema universitario de Galicia. Modalidade C: persoal investigador con traxectoria excelente.
REFERENCIA: ED431F 2025/18
PRESUPOSTO: 115.000€
PERIODO: 01/08/2025-31/12/2029
Proxecto financiado pola Xunta de Galicia
RESUMO
Este proxecto de investigación pretende desenvolver unha base de datos de alta resolución espacial e temporal que permita estudar o impacto do clima mariño actual e futuro en actividades clave para o desenvolvemento sustentable de Galicia. Esta base de datos terá unha utilidade multidisciplinar, xa que poderá ser empregada en estudos de diversos campos como a enxeñaría costeira, a oceanografía, a bioloxía mariña, a acuicultura e as enerxías renovables mariñas, entre outros. Para desenvolver esta base de datos, teranse en conta as características específicas do Atlántico Norte e utilizaranse un modelo atmosférico (WRF) e dous modelos diferentes de propagación de ondas: un para o océano aberto (WaveWatch III, WWIII) e outro deseñado para zonas costeiras sobre a plataforma continental (Simulating Waves Nearshore, SWAN). Os datos dos Modelos Climáticos Globais do proxecto CMIP6 servirán como base para caracterizar os patróns de oleaxe e vento no Atlántico Norte ao longo do século XXI, cun enfoque máis detallado nas zonas costeiras de Galicia.
Este enfoque permitirá a creación dunha base de datos única que contempla diferentes escenarios climáticos futuros e proporciona datos de alta resolución sobre a altura significativa das ondas, o período pico de onda, dirección das ondas e a velocidade do vento, tanto no océano aberto como nas zonas costeiras. Estes datos estarán dispoñibles para a comunidade científica, dado o seu potencial de aplicación en múltiples ámbitos científicos. Dentro desta proposta, os datos de proxección de oleaxe e vento empregarase para tres aplicacións principais.
Primeiro, analizarase a variación dos patróns de oleaxe prevista ao longo da costa noroeste da Península Ibérica durante o século XXI, en relación coa súa relevancia para a acuicultura. O impacto das ondas nas instalacións de acuicultura en mar aberto é un dos factores de risco máis significativos na avaliación técnica dun proxecto acuícola. Para analizar as posibilidades de éxito dunha actividade acuícola, é fundamental coñecer o réxime enerxético ao que se someterán as estruturas de soporte e avaliar se estas compren coas especificacións garantidas polo fabricante en cada caso.
Segundo, os datos de proxección de oleaxe empregaranse para avaliar o potencial de enerxía undimotriz nas zonas seleccionadas para a instalación de parques eólicos mariños, de acordo co Plan de Ordenación do Espazo Mariño (POEM) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO). Empregarase información de alta resolución para analizar o potencial enerxético undimotriz nestas áreas e explorar o recurso enerxético híbrido. Os beneficios de hibridar as enerxías renovables son numerosos, incluíndo o uso compartido de infraestruturas e a redución de custos. No caso da enerxía undimotriz, os convertedores de enerxía das ondas poden proporcionar protección ás turbinas flotantes ao reducir a enerxía das ondas.
Como terceira aplicación, vaise analizar como variará no futuro as cargas de fatiga nos diferentes compoñentes dunha turbina eólica mariña flotante empregando un software específico para este propósito amplamente empregando dentro da industria eólica como é OpenFAST.