CLIMPATACA

Proxección do risco climático de mildio e alternaria na pataca baixo escenarios futuros en Galicia

 

CONVOCATORIA: Proxectos para o persoal investigador con traxectoria excelente do Campus de Ourense.

REFERENCIA

PRESUPOSTO: 20.000€

PERIODO: 01/08/2025 - 15/10/2025

 

Proxecto financiado polo Campus Auga da Universidade de Vigo (https://campusauga.uvigo.es/es/).

 

 

RESUMO

O cambio climático está chamado a ter un impacto profundo e crecente sobre a agricultura a nivel global, afectando tanto á produtividade dos cultivos como á súa sanidade vexetal. Galicia non é allea a esta realidade, e o sector agrario da comunidade debe enfrontarse a retos relacionados co aumento da temperatura, os cambios nos patróns de precipitación e a maior frecuencia de eventos extremos. Dentro deste contexto, o cultivo da pataca representa un piar fundamental da produción agrícola galega, tanto polo seu peso económico como pola súa presenza territorial, especialmente en comarcas como A Limia, Bergantiños ou Sarria. A súa vulnerabilidade fronte a enfermidades como o mildio (Phytophthora infestans) e a alternaria (Alternaria solani) fai necesario anticipar como evolucionarán estes riscos baixo escenarios futuros de cambio climático.

O obxectivo xeral deste proxecto é avaliar a influencia do cambio climático sobre a incidencia destes dous patóxenos nos cultivos de pataca en Galicia, mediante a integración de modelos climáticos de alta resolución espacial e modelos epidemiolóxicos específicos. Para iso, empregaranse proxeccións climáticas futuras do proxecto CMIP6, que serán adaptadas á escala rexional galega a través de técnicas de redución de escala (downscaling) co modelo WRF. Unha vez obtidos e validados os datos simulados de temperatura e humidade, aplicarase o modelo Infection Pressure (IP) para o míldio e o modelo P-Days para a alternaria, co fin de estimar a evolución do risco de infección durante o período 2030–2059 en comparación co período histórico (1985–2014), baixo dous escenarios climáticos (SSP2-4.5 e SSP5-8.5).

Os resultados do proxecto incluirán mapas de risco climático con alta resolución espacial, táboas comarcais con indicadores clave e un visor web interactivo para facilitar o acceso aberto aos datos. Esta información será de utilidade para agricultores, técnicos, administracións e investigadores, contribuíndo á toma de decisións informadas e á planificación de medidas de adaptación fronte ao cambio climático no sector primario galego.