CONVOCATORIA: Axudas a grupos de investigación do Campus de Ourense (INOU 2026)
PRESUPOSTO: 6.035 €
PERIODO: 02/06/2026 - 15/10/2026
O aproveitamento da enerxía hidrocinética dos ríos constitúe unha alternativa renovable de baixo impacto ambiental, especialmente axeitada en territorios con elevada densidade fluvial, como é o caso da provincia de Ourense. Este tipo de aproveitamento permite a xeración eléctrica a partir do fluxo natural da auga, sen necesidade de grandes infraestruturas de regulación, o que reduce de xeito significativo os impactos ambientais e paisaxísticos asociados a outras formas de produción hidroeléctrica. En particular, fronte a solucións convencionais baseadas en presas e encoros, a hidrocinética evita a formación de áreas permanentemente anegadas e minimiza a alteración do réxime hidrolóxico e da morfoloxía fluvial, favorecendo actuacións máis lixeiras, reversibles, sostibles e compatibles coa continuidade do río e cos seus usos ambientais e sociais.
Este proxecto ten como obxectivo principal avaliar o potencial hidrocinético daqueles cursos fluviais da provincia que mellores condicións presenten, mediante a aplicación combinada de diversas técnicas de modelización numérica hidrodinámica. A través desta aproximación, preténdese identificar treitos fluviais con condicións hidráulicas favorables para a implantación de dispositivos de xeración hidrocinética, asegurando un impacto medioambiental mínimo.
Para acadar este propósito recompilaranse e analizaranse os datos hidrolóxicos e morfolóxicos dispoñibles, que servirán de base para o desenvolvemento de modelos hidrodinámicos capaces de reproducir o comportamento do fluxo nos tramos de estudo. Estes modelos permitirán obter a distribución espacial de caudais, calados e velocidades baixo distintos escenarios hidrolóxicos. Esta primeira parte de modelización levarase a cabo co modelo Iber+ (www.iberaula.es), un software gratuíto e de libre acceso desenrolado conxuntamente por investigadores da Universidade de A Coruña, da Universidade Politécnica de Cataluña, da Universidade de Vigo e do Centro de Estudios e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX). Iber+ é unha versión de alto rendemento deseñada para a simulación bidimensional de fluxos en ríos e estuarios. Os datos espaciais de velocidades e calados dos ríos serán empregados nunha posterior etapa de modelización a escala local. Nesta etapa do proxecto, levarase a cabo o modelado de diferentes tipoloxías de turbinas hidrocinéticas, co fin de estimar a interacción co fluxo e calcular o potencial enerxético dispoñible mediante formulacións específicas para este tipo de enerxía. O modelado de escala local realizarase con DualSPHysics (www.dual.sphysics.org), un código non lineal de alto rendemento que permite simular iteracións fluxo-estrutura tridimensionais, con capacidade para reproducir e integrar sistemas mecánicos complexos (como os instalados en turbinas). Este código de alta fidelidade tamén é gratuíto e libre e está desenrolado principalmente por investigadores do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Os resultados esperados inclúen a obtención de información sobre as características do fluxo, principalmente velocidade e calado, para as zonas seleccionadas, así como a potencia específica potencial de xeración hidrocinética. Isto permitirá identificar treitos fluviais con características axeitadas para o aproveitamento hidrocinético, así como proporcionar unha estimación preliminar da enerxía recuperable. Deste xeito, o proxecto pretende contribuír á posta en valor dos recursos fluviais locais e servir como ferramenta de apoio para a planificación e desenvolvemento de proxectos de enerxía hidrocinética renovable e sostible na provincia de Ourense.