A metodoloxía do proxecto baséase nun enfoque progresivo, integrado e multiescala que combina a análise de datos hidrolóxicos e morfolóxicos existentes coa modelización numérica hidrodinámica tanto do fluxo como da súa interacción coas turbinas, así como coa posterior avaliación enerxética do potencial hidrocinético. O esquema metodolóxico permite avanzar dende unha caracterización global do medio fluvial ata unha análise local de alta fidelidade da interacción fluxo-dispositivo, garantindo así unha estimación fundamentada do potencial enerxético real dispoñible.
Nunha primeira etapa (Fase 1) levarase a cabo a recompilación, tratamento e análise de datos hidrolóxicos, hidrométricos e morfolóxicos dos ríos procedentes de organismos oficiais e fontes cartográficas dispoñibles. Este datos constituirán a base para a definición e selección preliminar dos tramos de estudo e a configuración e desenvolvemento dos modelos hidrodinámicos.
Posteriormente (Fase 2), desenvolverase unha modelización bidimensional mediante Iber+ nos tramos de estudo, orientada á caracterización espacial do fluxo baixo diferentes escenarios hidrolóxicos representativos. A partir destas simulacións obteranse campos espaciais de caudal, calado e velocidade, que constituirán a información principal para a avaliación do potencial hidrocinético, permitindo identificar as zonas mais favorables. A partir desta análise seleccionaranse localizacións prioritarias nas que se definirán as condicións hidráulicas de referencia para a modelización tridimensional.
Nunha fase posterior (Fase 3) abordarase unha modelización tridimensional de alta fidelidade mediante DualSPHysics, centrada na simulación local da interacción entre o fluxo e diferentes tipoloxías de turbinas hidrocinéticas, partindo das condicións hidráulicas de referencia proporcionadas polas simulacións con Iber+. Esta aproximación permitirá analizar con elevada precisión o comportamento hidrocinético e obter variables clave para a avaliación do rendemento enerxético.
Finalmente (Fase 4), integrarase toda a información obtida para estimar a potencia específica real e a enerxía recuperable, identificar treitos fluviais viables e elaborar a síntese técnica final do proxecto.
O plan de traballo, que se define a continuación, estrutúrase nun período de 9 meses, organizados en tarefas parcialmente solapadas para optimizar os tempos de execución e garantir a coherencia entre as fases.
T1 - Recompilación de datos, análise e selección de treitos fluviais favorables (Meses 1–2)
Obxectivo específico: OE1.
T2 - Modelización bidimensional de tramos fluviais e priorización de localizacións (Iber+) (Meses 2–5).
Obxectivo específico: OE2.
T3 - Modelización tridimensional de alta fidelidade a escala local (DualSPHysics) (Meses 4–8).
Obxectivo específico: OE3.
T4 - Avaliación enerxética e síntese final (Meses 7–9).
Obxectivo específico: OE4.